caixavirtual@intergal.coop  ·  (+34) 669 781 006 ·

Que é?

A CAIXA VIRTUAL DE CRÉDITO MUTUO (en diante CAIXA VIRTUAL) proponse como un sistema de xestión dunha comunidade de persoas e entidades que comparten un mercado social (intercambio de bens, servizos e ideas) que exclúa, no posible, a utilización de “diñeiro oficial”, creando un fondo de solidariedade en base ao crédito mutuo.

Trátase dunha aplicación informática que facilita unha serie de normas asociadas a un modelo de xestión, aínda que será a Asemblea de cada grupo quen decida como empregalas e cales aplicar. A ferramenta inicial está deseñada para ser utilizada por grupos autónomos locais, de proximidade e ideoloxía común. Nunha versión posterior abordarase a interconexión entre os distintos grupos que utilicen a Caixa Virtual.

O proxecto baséase en recuperar o significado orixinal do diñeiro como valor que meramente facilita o intercambio. Aquí farase uso de PUNTOS para facilitar operacións de troco de forma comunal, xa que o máis frecuente será que non se produza dobre coincidencia entre a oferta e a demanda individualizada.

O proxecto ten como obxectivo principal recuperar o significado orixinal do diñeiro como valor facilitador de intercambio. Como unidade de valor empregaranse os PUNTOS, propoñendo a equivalencia 1 € = 1 PUNTO, aínda que será decisión de cada grupo manter ou non dito valor.

Outro dos obxectivos é fomentar a confianza entre as persoas, o consumo consciente e o respecto pola contorna natural.

De fronte ó sistema convencional, que antepón o beneficio dos especuladores ao ben común das persoas, a CAIXA VIRTUAL propón unha alternativa solidaria

  • Prescinde dos prazos inamovibles.
  • Crea un fondo de garantía común para facer fronte ás operacións que resulten non compensadas.
  • Permite que o control do sistema estea nas mans das persoas e das entidades usuarias.
  • Inviste os excedentes, tanto na expansión do propio proxecto como noutros novos proxectos sociais.
  • Dinamiza a economía de proximidade.
  • Facilita a comunicación entre persoas e entidades.

En contraposición ao sistema mercantil habitual, prescíndese do concepto “aforro”, por entender que o mesmo perdeu o seu sentido, tendo en conta que o valor do diñeiro actual é totalmente convencional e establecido desde unha perspectiva baseada na especulación, á marxe da economía real, que resulta fatalmente afectada.

Tamén se prescinde do concepto “devendicación de xuros“ e fortalécense outros como SOLIDARIEDADE, COLABORACIÓN, SUSTENTABILIDADE...

A idea é evitar ao máximo o uso dos cartos en efectivo, baseando as relacións de intercambio e axuda no crédito mutuo, dentro dun grupo homoxéneo no que todos son debedores e acredores.

A Caixa Virtual pode ser unha solución para as persoas que, por decisión propia ou de xeito involuntario, se vexan excluídas do sistema social convencional. Porque todas temos algo que achegar tamén aos máis próximos, queremos ofrecer un escaparate no que todas poidamos presentar os nosos recursos. Ademais, pode dar pé a unha nova forma de buscar solucións válidas en prol un mundo mellor.

Servirá para impulsar a socialización entre as persoas, sen xerarquías, de igual a igual, coa organización de actos participativos nos que se dea oportunidade para que florezan as iniciativas persoais nunha relación democrática, asemblearia e solidaria.

 

Un pouco de historia  /  Que é?  /  Como funciona?  /  Quero participar