caixavirtual@intergal.coop  ·  (+34) 669 781 006 ·

Un pouco de historia

A día de hoxe estamos tan afeitos ós cartos que podemos pensar que sempre estiveron aí, e que son tan imprescindíbeis coma a auga ou o aire que respiramos. Porén iso non é máis ca un mito compartido, por iso triunfa.

Pero vexamos un pouco como xurdiu a necesidade do ser humano de inventar o diñeiro e ata que punto chegou, é dicir, como evolucionou esa idea inicial e que consecuencias ten na actualidade: 

Mentres as civilizacións se agrupaban en pequenas poboacións os cartos non existían. Os nosos antergos cazadores-colectores non os precisaban, tiñan unha economía de subsistencia autosuficiente. Probablemente os diferentes membros dunha banda xa se especializaban en tarefas diferentes, pero compartían os seus bens e servizos mediante unha economía de favores e obrigas recíprocas. Cada grupo humano era economicamente independente; só algúns artigos raros que non se podía atopar localmente (cunchas, pigmentos, obsidiana,...) proviñan dos estranxeiros e xeralmente  recorríase ó troco.

Nos comenzos da revolución agrícola este xeito de actuar cambiou moi pouco. A maioría das persoas seguían vivindo en comunidades pequenas e íntimas e cada aldea era unha unidade económica autosuficiente que se mantiña mediante favores e obrigas mutuas e o troco cos forasteiros. Un aldeán ben podía ser hábil a hora de facer zapatos e outro á hora de dispensar coidados médicos, polo que os veciños sabían a quen dirixirse segundo as propias necesidades. Pero as aldeas eran pequenas e a súa economía limitada, polo que non se podían ter ocupacións a tempo completo.

O xurdir de cidades e reinos, xunto coa mellora das infraestruturas e o transporte, permitiron novas oportunidades para a especialización. As cidades densamente poboadas favorecían a dedicación a tempo completo nas diferentes actividades. As aldeas que se labraron unha reputación, por exemplo, por producir viño, aceite de oliva ou cerámicas de calidade, descubriron que merecía a pena especializarse case exclusivamente en dito produto, e cambialo con outras aldeas polo demais que precisasen, xurdindo deste xeito a actividade mercantil e permitindo asemade que se perfeccionase a experiencia para beneficio de todos.

Pero a especialización creou un problema: como xestionar o intercambio de bens e servizos entre especialistas? Unha economía de favores e obrigas no funciona cando hai un gran número de descoñecidos que pretenden cooperar. Unha cousa é proporcionar asistencia gratuíta a unha irmá ou un veciño, e outra moi distinta é atender a estraños que quizá nunca devolvan o favor.

Poderíase volver ó troco. Pero o troco é efectivo só cando se intercambia unha gama limitada de produtos, non pode formar a base dunha economía complexa. Vexámolo: imaxinemos por exemplo un agricultor que posúe unhas maceiras nos outeiros que producen as mazás máis firmes e doces da provincia. Traballa tan duro que os zapatos se lle desgastan, de xeito que decide baixar ó mercado do pobo. O agricultor atopa o taller dun zapateiro e ofrécelle trocar algunhas mazás a cambio dos zapatos que necesita. O zapateiro dubida. Cantas mazás debe pedir en pago? Cada día veñen decenas de clientes, algúns traen sacos de mazás, outros traen trigo, cabras ou telas, todo de calidade variable. Outros ofrécenlle a súa experiencia en dirixir peticións ó rei ou en curar a dor das costas. A última vez que o zapateiro cambiou zapatos por mazás foi hai tres meses, e daquela pediu tres sacos de mazás. Ou foron catro? Pero, agora que o pensa, aquelas mazás eran as ácidas do val, e non as de primeira calidade do outeiro. Por outra banda, daquela obtivo as mazás a cambio de pequenos zapatos de muller. Este paisano pídelle botas apropiadas para un home. Ademais, nas últimas semanas unha enfermidade mortal atacou os rabaños dos arredores do pobo e as peles escasean. Os curtidores empezaron a pedir o dobre de zapatos acabados pola mesma cantidade de coiro. Non debería tomar isto en consideración?

Nunha economía de troco, cada día o zapateiro e o agricultor terían que aprender de novo os prezos relativos de decenas de mercadorías. Si hai 100 artigos diferentes que se trocan no mercado, os compradores e os vendedores terían que coñecer 4.950 taxas de cambio distintas. E se os artigos que se trocan son 1.000, os compradores e os vendedores terían que manexar 499.500! Pero a cuestión aínda é máis complexa, aínda conseguindo calcular cantas mazás se corresponden cun par de zapatos, o troco require que cada parte queira o que a outra ofrece: que ocorre se ó zapateiro no lle gustan as mazás e, nese intre, o que precisa é divorciarse? Claro que o agricultor pode buscar un avogado e establecer un trato a tres partes, pero, que ocorre se o avogado está ata o tope de mazás pero necesita un corte de pelo?

Como sabemos, a maioría das sociedades atoparon un xeito máis doado de conectar a un gran número de expertos: os cartos.

O diñeiro foi creado moitas veces e en moitos lugares. O seu desenvolvemento non requiriu de grandes descubrimentos tecnolóxicos: foi una revolución puramente mental. Implicou a creación dunha nova realidade intersubxectiva que só existe na imaxinación compartida da xente.

Os cartos non son as moedas e os billetes: é calquera cousa que a xente estea disposta a empregar para representar de xeito sistemático o valor doutras cousas co propósito de intercambiar bens e servizos.

Os cartos permiten que a xente compare rápida e facilmente o valor de bens distintos (como mazás, zapatos e divorcios), que intercambie unha cousa por outra, e que almacene a riqueza de xeito conveniente. Dende sempre houbo moitos tipos de diñeiro. O máis familiar é a moeda, que é unha peza estandarizada de metal acuñado. Pero os cartos existiron moito antes de que se inventara a acuñación, e houbo  culturas que prosperaron empregando outras cousas como diñeiro: cunchas, gando, peles, sal, gran, abelorios, telas, notas de pago e, xa nos nosos días, Bitcoins por exemplo.

De feito, incluso hoxe en día, as moedas e billetes son unha forma rara de diñeiro: actualmente, a suma total de cartos no mundo estímase entorno ós 60 billóns de dólares, pero a suma total de moedas e billetes non chega ós 6 billóns. Máis do 90% de todos os cartos (máis de 50 billóns de dólares que aparecen nas nosas contas) existe só nos servidores informáticos. De acordo con isto, a maioría das transaccións comerciais execútanse movendo datos electrónicos dun arquivo informático a outro, sen ningún intercambio de diñeiro en efectivo, físico. Só un delincuente compra unha casa cun maletín cheo de billetes de banco. Mentres a xente estea disposta a cambiar bens e servizos a cambio de datos electrónicos, aínda é mellor que as moedas e os billetes: máis lixeiros e menos voluminosos e é máis doado seguirlles a pista.

Pero, como funcionan os cartos? As cunchas e os dólares só teñen valor na nosa imaxinación común. O seu valor non é intrínseco á súa estrutura química, a súa cor, o seu peso ou a súa forma, noutras palabras, o diñeiro non é unha realidade material: é un constructo psicolóxico e o seu éxito reside na confianza.

A xente está disposta a facer uso dos cartos porque confía nas invencións da imaxinación colectiva, porque todos os usuarios creen no valor dos cartos, aínda que este sexa ficticio. A confianza é a materia bruta a partir da que se acuñan todas as formas de diñeiro. En consecuencia, os cartos non son máis ca un sistema, estendido e eficiente, de confianza mutua, creada a través dunha rede moi complexa e a moi longo prazo de relacións políticas, sociais e económicas. Por que creemos nos cartos? Porque todas as persoas creen neles, e ese é o verdadeiro valor dun anaco de papel ou dunha porción de metal, o que a mente colectiva lle atribúe. 

O papel crucial da confianza explica por que os nosos sistemas financeiros están tan fortemente entrelazados cos nosos sistemas políticos, sociais e ideolóxicos, por que as crises financeiras soen desencadearse por acontecementos políticos, e por que o mercado de valores pode subir ou baixar en función do humor que teñan os empresarios unha mañá concreta.

Inicialmente, cando se crearon as primeiras versións de diñeiro, a xente non tiña este tipo de confianza, de modo que foi necesario definir como «diñeiro» cousas que tiñan un valor intrínseco real. Pero o gran avance na historia do diñeiro produciuse cando a xente chegou a confiar en cartos que carecían de valor intrínseco, pero que era máis fácil de almacenar e transportar. Cun valor puramente cultural, os pesos fixados de metais preciosos acabaron dando orixe ás moedas: tiñan un peso normalizado de ouro ou prata, e acuñábanse cunha marca de identificación. A marca testificaba dúas cousas: canto metal precioso contiña a moeda e a identificación da autoridade que a emitía, que garantía o seu contido e testemuñaba o seu valor exacto. Mentres o pobo confiase no poder e a integridade dun rei ou emperador, confiarían nas súas moedas.

Os cartos foron esenciais tanto para construír imperios como para promover a ciencia. Pero non é doado entender o verdadeiro papel da economía na historia moderna. O termo clave é: crecemento. Durante a maior parte da historia, a economía mantivo aproximadamente o mesmo tamaño. Si, a produción global aumentou, pero foi debido principalmente á expansión demográfica e á colonización de novas terras. A produción per cápita mantívose estática.

Porén, todo isto cambiou na época moderna, coa revolución científica e a idea de progreso, producíndose un crecemento prodixioso da man do capitalismo, que xurde coa idea de que o impulso egoísta humano de aumentar os beneficios privados é a base da riqueza colectiva, a cal retroaliméntase, coa inversión dos excedentes, nun contexto de crecemento ilimitado.  Amparado pola confianza no futuro, o crédito empeza a concederse de xeito ficticio, é dicir, sen estar cuberto por moedas e billetes reais. As leis permiten ós bancos prestar ata dez veces o que posúan en realidade! A especulación cos novos acordos crediticios fai que o valor dos cartos sexa unha mera convención ó servizo de quen manexa a economía e os seus intereses, e en detrimento do ben común e as necesidades das persoas que se atopan fóra dese ámbito. A idea fundamental do capitalismo de que “o egoísmo é altruísmo” supuso un cambio de mentalidade radical a nivel económico, moral e político.

Deste xeito, a economía moderna fíxose voraz e medrou dun xeito desproporcionado, esquilmando os recursos naturais e beneficiando a uns poucos ó tempo que empobrece ós máis. O crecemento económico precisa tamén de enerxía e materias primas, e estas son finitas. Cando se esgoten, todo o sistema desmoronarase.

Creando cada vez máis desigualdades e inxustiza social, a saída desta situación parece pasar por unha revolución popular cun novo cambio de mentalidade, baseado na solidariedade, axuda mutua e procura do ben común, que permita atopar alternativas de supervivencia e que, pouco a pouco, vaia estendéndose e instalándose na realidade inmediata das persoas.

Con este obxectivo, xurde a CAIXA VIRTUAL DE CRÉDITO MUTUO, que aquí vos presentamos.

*A maior parte do texto foi extraído e adaptado de Sapiens, de Yuval Noah Harari, de lectura recomendada.

 

Un pouco de historia  /  Que é?  /  Como funciona?  /  Quero participar